domingo, 11 de xaneiro de 2015

As primeiras veces


Nunca esquecerei o primeiro día que voei. Aquela sensación do aire baixo as ás, a mestura de aire e salitre no meu pico e a liberdade de ir alén das miñas esperanzas.

Nunca esquecerei a primeira vez que me mergullei, a primeira vez que pesquei e volvín saír triunfante co peixe na boca. Algúns dos meus irmáns precisaron de dous intentos para conseguilo.

Nunca esquecerei a primeira vez que sequei as miñas plumas negras ao sol, o peito enchido despois de superar aos meus irmáns que dicían que nunca conseguiría nada sendo o máis pequeno da familia.

Nunca esquecerei aquelas primeiras veces que fixeron de min o grande corvo mariño que son hoxe, porque quen esquece o pasado, está condenado a repetir os seus erros.