martes, 24 de outubro de 2023

Conto conversa

 A dirección estaba cortada

Coller os trens da vida pendente

Unha ausencia sempre presente

Aprender a nomearse con palabras que ainda non existen

Si, xa chegamos

Cada cousa acontece cando debe acontecer

Despois decatámonos e comezamos a gozar

Levas a conta das oportunidades perdidas?

xoves, 5 de maio de 2022

Noite na biblioteca

 

Son as 0.00h do día 23 de abril dun ano calquera nunha biblioteca calquera dun pobo calquera.
Pero non se trata dunha noite calquera, é o día do libro, o único día do ano no que os personaxes dos libros
teñen permiso para sair das súas páxinas e charlar con outros personaxes. 
Todos esperan ansiosos esta data para reencontrarse coas súas amizades ou amantes.
Moitas foron as historias que sucederon ó longo dos anos pero quizais a máis fermosa sexa a de Campanilla e Pinocho. Eles sempre se sentiron incomprendidos nos seus respectivos contos pero atoparon o un na outra a súa alma xemelga. Algúns din que Pinocho pediulle á Fada Azul que o convirtise en fada para poder estar con Campanilla para sempre xamais.

domingo, 12 de maio de 2019

Baño de silencio

Espertar cedo, coller os patíns e sair a patinar baixo o sol primaveral. Mohawk. Esquecerse por espacio dunha hora de que hai prazos de entrega, unha xornada laboral que semella complicada e demais problemas. O anxo. Só deslizarse dun lado a outro, deixarse levar polas rodas e sentir a brisa do mar para minutos despois relativizar todo o que che preocupou durante a semana e chegar á conclusión de que abordados de un en un non eran nin tan graves nin tan complicados de resolver. A pomba. A pista de patinaxe remata e toca dar volta. A águia. Dou por rematado o baño de silencio e encendo o reproductor mp3 para deslizarme na miña selección de favoritos, sen pensar en nada máis que na letra da canción.

luns, 16 de abril de 2018

O momento perfecto

Estabamos sentados no seu coche mirando a cidade iluminada ós nosos pés e as estrelas titilando no ceo mentres Bryan Adams cantando dende a radio. Todo era perfecto.

-Sabes? Creo que si que te quero.

-Cando comezaches a xogar co meu pelo, xa me imaxinei algo.

domingo, 11 de marzo de 2018

C'era una volta


Unha cidade diferente. Compañeiros diferentes. Outro idioma...
Ninguén dixo que irse de Erasmus fose resultar sinxelo e eu estaba preparada para afrontar os cambios un detrás do outro, como sempre me aconsellaba miña nai que había que facer coas dificultades. 
(Os que xa fustes de Erasmus, sabedes do que vos falo, para os que ides ir ou estades pensando en ir, non teñades medo, é unha experiencia moi recomendable). 
Pouco a pouco, fun superando tódolos obstáculos e a vida alí foi máis levadía. Sobre todo, cando coñecín á miña mellor amiga: Cris, outra rapaza española coa que practicaba o idioma intercambiándonos unha libreta onde escribiamos unha historia a dúas mans en italiano. Todo comezou como remata este relato, con tres palabras: C'era una volta...

luns, 9 de maio de 2016

Entre palabras



Levabamos toda a nosa vida amando a palabra, escribíamos xuntas relatos dende o colexio. A nosa fonte de inspiración era a praia, sentabamos na nosa rocha e comezabamos a escribir no noso caderno a primeira frase, despois a outra continuaba. As primeiras estrelas sempre nos sorprendían discutindo algún xiro do argumento que seguíamos debatendo de camiño á casa. Despedíame coma sempre no meu portal, só que aquel día no canto do “boas noites”, Xela bicoume na meixela, moi perto dos beizos. Eu pestanexei, ela sorriu e marchou.

mércores, 27 de abril de 2016

O carteiro

Catorce chanzos. Primeiro A. Facturas e publicidade. Cinco pasos. Primeiro B. Carta da filla que teñen en Alemaña e publicidade. Catorce chanzos. Segundo A. Segundo aviso de desafiuzamento e unha chea de facturas. Triste entrega. Segundo B. Facturas e publicidade. Axeónllome como en tódalas portas e deslizo as correspondentes facturas e publicidade, pero non entran ben. O folleto que anuncia unha recuperación inmediata de tódalas dores tropeza con algo. Inclino a cabeza e miro con estrañeza unha chea de cartas acumuladas. Este non é o estilo do señor López, home moi pulcro e sempre con palabras amables na boca para todo o mundo, incluso para min que só me coñece de vista. Inquedo, chamo ao timbre da veciña do segundo A. A señora Martínez comunícame que hai catro días que non sabe nada del. Pasaríalle algo? Preocupámonos. Ela cólleme do brazo e baixamos xuntos ao primeiro A, fogar do presidente da comunidade que ten chaves de tódolos pisos.

O señor Pérez, comparte a nosa inquedanza e sobe connosco ata a casa do señor López. Cústalle abri-la porta a causa das cartas acumuladas e algo máis que parece que impide o libre circular da porta. Tiven que suxeitar á desmaiada señora Martínez cando a porta deixou á vista unha chea de cartas sen abrir e o brazo do señor López morto.Espero que non sufrise. Era un bo home.Suspiramos. O señor Pérez volveu pecha-la porta e chamamos á policía. Eu chamei á miña xefa. Tiña que esperar alí e non podería remata-lo reparto.

A policía chegou axiña e tomounos declaración a todos. Puro procedemento, segundo dixo. Todos suspiramos. Pobre señor López. O forense ditaminou que foi morte natural e que non sufrira. Suspiramos novamente. Non tiña familia á que avisar, así que no enterro só estabamos os veciños do edificio e máis eu. Descanse en paz.