luns, 9 de maio de 2016

Entre palabras



Levabamos toda a nosa vida amando a palabra, escribíamos xuntas relatos dende o colexio. A nosa fonte de inspiración era a praia, sentabamos na nosa rocha e comezabamos a escribir no noso caderno a primeira frase, despois a outra continuaba. As primeiras estrelas sempre nos sorprendían discutindo algún xiro do argumento que seguíamos debatendo de camiño á casa. Despedíame coma sempre no meu portal, só que aquel día no canto do “boas noites”, Xela bicoume na meixela, moi perto dos beizos. Eu pestanexei, ela sorriu e marchou.