Despois da miña ruptura sentimental, decidín poñer mar
polo medio e ir vivir á mesma illa que o meu amigo Nicolás. El falaba
marabillas do lugar: había boa pesca e mellores rapazas. En resumo, o sopro de
aire fresco que precisaba.
Os primeiros días na illa foron difíciles, os meus veciños
saían a pescar e volvían cunha chea de peixes e eu malamente traía dous ou
tres. Nicolás tentaba axudarme, pero eu quería aprender pola miña conta. O
orgullo duroume tres días.
A partir de aí todo foi máis sinxelo e xa co boche
cheo, concentreime en buscar parella.
Despois de un par de intentos infrutuosos, atopei a moza máis bonita do mundo detrás dun posto de froita no mercado. Foi un amor a
primeira vista e decidimos vivir xuntos na súa casa, moi preto do faro. As
vistas dende o noso fogar eran impresionantes, a pesca abundante e a nosa
felicidade completa coa chegada dos fillos: uns preciosos poliños grises
con pintiñas negras que fixeron de min un fachendoso pai gaivota.