mércores, 29 de outubro de 2014

Cambio de aires


Despois da miña ruptura sentimental, decidín poñer mar polo medio e ir vivir á mesma illa que o meu amigo Nicolás. El falaba marabillas do lugar: había boa pesca e mellores rapazas. En resumo, o sopro de aire fresco que precisaba.

Os primeiros días na illa foron difíciles, os meus veciños saían a pescar e volvían cunha chea de peixes e eu malamente traía dous ou tres. Nicolás tentaba axudarme, pero eu quería aprender pola miña conta. O orgullo duroume tres días.

A partir de aí todo foi máis sinxelo e xa co boche cheo, concentreime en buscar parella.

Despois de un par de intentos infrutuosos, atopei a moza máis bonita do mundo detrás dun posto de froita no mercado. Foi un amor a primeira vista e decidimos vivir xuntos na súa casa, moi preto do faro. As vistas dende o noso fogar eran impresionantes, a pesca abundante e a nosa felicidade completa coa chegada dos fillos: uns preciosos poliños grises con pintiñas negras que fixeron de min un fachendoso pai gaivota. 

sábado, 4 de outubro de 2014

O sol brillará de novo

Aquela noite dirixíame coa miña mochila cara a estación; estaba decidida a irme moi moi lonxe ou iso pensaba, se pensar era o verbo axeitado. Estaba moi confusa, ningún aspecto da miña vida ia ben... e de sócato, topei cuns pes que me cortaban o paso, levantei a vista das baldosas e alí estaba el.

Antes de que puidese dicir nada, falou el:
- Ías marchar así, sen dicirme nada? E eu que pensaba que era o teu mellor amigo…
Eu estaba moi sorprendida como para articular palabra.
- Anda, vén, dáme esa mochila e vén comigo. – seguiu el.

Seguino coma unha autómata e sentei no asento do copiloto. Que facía eu alí? Quería marchar moi lonxe sen darlle explicacións a ninguén e el seguía falando:

- O outro día falei con Xiana e contoume que levabas uns días deprimida e que temía que nalgún momento colleras a mochila e marcharas. Así que falamos tamén con túa nai e cando te mirou saír de casa cunha mochila sospeitosa e unha mirada triste chamoume e aquí estou. Non penso deixar que marches a ningures sen falar primeiro comigo.

Eu estaba demasiado confusa para entender que fora vítima dunha conspiración pero estaba contenta de alguén detivese a miña fuxida e de que ese alguén fose el.

- O que me molesta é que non falases con ninguén da túa situación. Que non confiaras en mín.
- Quería facelo pero non topei nin as palabras nin o momento.
- Sei que tendes a pensar que es autosuficiente pero, ás veces ti tamén precisas pedir axuda. Vou levarte a un sitio especial para min, onde vou cando preciso desentenderme de todo e de todos. Alí contarasmo todo.
 
Unha vez chegamos “alí”, apagou o motor e pediume que empezara a contarlle a miña historia.
- Non fastidies, -dixo el cando rematei- vou empregalas túas propias palabras: “escapando dos problemas non conseguirás nada, seguirán estando aí e te perseguirán alá onde vaias. Tés que enfrontarte a eles.”
- Xa o intentei todo e nada funciona.- tentei defenderme eu.
- Non creo que iso sexa verdade. Axudareite a topar unha solución. Empecemos con algo sinxelo: berra un pouco. Iso servirá para desestresarte. Logo, vén aquí e durme no meu colo, cando espertes, o sol brillará de novo, xa verás.
 
O de berrar resultou bastante efectivo e apoiar a cabeza no seu colo… unha paz envolveume e quedei durmida. Espertei como unha hora despois e topei o seu sorriso mirándome.

- Xa estás máis tranquila?
- Si. Grazas.
- Iso está mellor, xa sorrís. Cóntame que estás lendo agora?
Falamos de cousas sen importancia ata que me sentín o bastante segura para contarlle o que realmente me preocupaba.

- E gardaches todo iso para ti soa? Non tes remedio.
Eu púxenme colorada e meditei a miña resposta.

- Todo o mundo parecía estar moi ocupado coas súas vidas …

- Se no canto de pensar tanto, falaras, -interrompeume el-  verías como a túa nai estaba preocupada por ti, as túas amigas estaban preocupadas por ti, eu estaba preocupado por ti. Coñeces un aparello chamado teléfono que sirve para comunicarse?

- Si – dixen avergoñada e coa cabeza gacha.
- Non tes remedio. Se ti non vas pedir axuda, nós tomaremos a iniciativa. Entre todos faremos que o sol volva brillar para ti.
 
Cando me deixou na casa tiña moitas cousas nas que pensar, pero estaba chea de resolución. No canto de pensar polos demais, ía facer uso do teléfono para falar con todos, expoñerlles o que ía mal e entre todos chegar a unha solución. Fixemos mesa redonda:

O problema número un: “eu no te chamo porque ti tampouco me chamas”. Era unha parvada. Na era da comunicación!!!! Era tempo de cambiar o chip e tomar a iniciativa. Aparte das chamadas, había outras maneiras de comunicarse como o e-mail, para a xente coma min, inimiga declarada dos smartphones.

O seguinte problema: porque non sacaba boas notas? Unha vez resolto o problema número un, o dous solucionouse por si só. A concentración era a clave.

Resultou que de tanto darlle voltas, magnificara os problemas ou creara algúns que non había. E volvín sorrir e el collía a miña man.

Pedro


Quedara cos amigos para ir xogar ó voleibol, pero despois de esperar media hora só eramos dous. Así que decidimos ir pasear pola praia.

A media tarde topamos unha rocha xeitosa e seguimos falando sentados nela mentras  xogabamos cos pés na auga.

Cando se fixo noite, acompañoume a casa. Unha vez no meu portal, como despedida, bicoume na meixela, moi perto dos beizos. Aquel non era un bico de amigo, pensei eu. El como se contestase á miña pregunta, sorriu, con aquel sorriso seu tan especial e marchou, deixándome desconcertada, coas chaves na man a medio camiño da pechadura.

Mar


Aquela tarde fixeime nun rapaz que estaba apoiado nunha baranda observando o mar, acerqueime e apoieime ó seu carón, para mirar o que el estaba a ver. A posta de sol reflexada no mar era inigualable. Xireime e notei que non se percatara da miña presencia.

A mín tamén me gustaba ir a esa baranda a mirar o mar e sin pensar, empecei a dicir: ninguén mirou nunca o mar como ti o estás a mirar, con ese brillo nos ollos como si mirases nel as respostas ós teus problemas.