mércores, 27 de abril de 2016

O carteiro

Catorce chanzos. Primeiro A. Facturas e publicidade. Cinco pasos. Primeiro B. Carta da filla que teñen en Alemaña e publicidade. Catorce chanzos. Segundo A. Segundo aviso de desafiuzamento e unha chea de facturas. Triste entrega. Segundo B. Facturas e publicidade. Axeónllome como en tódalas portas e deslizo as correspondentes facturas e publicidade, pero non entran ben. O folleto que anuncia unha recuperación inmediata de tódalas dores tropeza con algo. Inclino a cabeza e miro con estrañeza unha chea de cartas acumuladas. Este non é o estilo do señor López, home moi pulcro e sempre con palabras amables na boca para todo o mundo, incluso para min que só me coñece de vista. Inquedo, chamo ao timbre da veciña do segundo A. A señora Martínez comunícame que hai catro días que non sabe nada del. Pasaríalle algo? Preocupámonos. Ela cólleme do brazo e baixamos xuntos ao primeiro A, fogar do presidente da comunidade que ten chaves de tódolos pisos.

O señor Pérez, comparte a nosa inquedanza e sobe connosco ata a casa do señor López. Cústalle abri-la porta a causa das cartas acumuladas e algo máis que parece que impide o libre circular da porta. Tiven que suxeitar á desmaiada señora Martínez cando a porta deixou á vista unha chea de cartas sen abrir e o brazo do señor López morto.Espero que non sufrise. Era un bo home.Suspiramos. O señor Pérez volveu pecha-la porta e chamamos á policía. Eu chamei á miña xefa. Tiña que esperar alí e non podería remata-lo reparto.

A policía chegou axiña e tomounos declaración a todos. Puro procedemento, segundo dixo. Todos suspiramos. Pobre señor López. O forense ditaminou que foi morte natural e que non sufrira. Suspiramos novamente. Non tiña familia á que avisar, así que no enterro só estabamos os veciños do edificio e máis eu. Descanse en paz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario