mércores, 29 de outubro de 2014

Cambio de aires


Despois da miña ruptura sentimental, decidín poñer mar polo medio e ir vivir á mesma illa que o meu amigo Nicolás. El falaba marabillas do lugar: había boa pesca e mellores rapazas. En resumo, o sopro de aire fresco que precisaba.

Os primeiros días na illa foron difíciles, os meus veciños saían a pescar e volvían cunha chea de peixes e eu malamente traía dous ou tres. Nicolás tentaba axudarme, pero eu quería aprender pola miña conta. O orgullo duroume tres días.

A partir de aí todo foi máis sinxelo e xa co boche cheo, concentreime en buscar parella.

Despois de un par de intentos infrutuosos, atopei a moza máis bonita do mundo detrás dun posto de froita no mercado. Foi un amor a primeira vista e decidimos vivir xuntos na súa casa, moi preto do faro. As vistas dende o noso fogar eran impresionantes, a pesca abundante e a nosa felicidade completa coa chegada dos fillos: uns preciosos poliños grises con pintiñas negras que fixeron de min un fachendoso pai gaivota. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario